Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán abre o ‘Mes da Memoria’ cunha proxección o domingo

O Concello de Nigrán abre a programación especial polo ‘Mes da Memoria’ este domingo 9 de Outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección de ‘La trinchera infinita’, a través do cineclub Val Miñor Alice Guy. O filme de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga, protagonizado por Antonio de la Torre e Belén Cuesta, retrata a vida dun home escondido na súa propia casa durante 30 anos por medo á represión franquista (desgraciadamente estes casos non foron anecdóticos en España e os seus protagonistas foron coñecidos como ‘topos’). O cine regresa o domingo 16 de outubro á mesma hora e lugar con ‘Mientras dure la guerra’, película de Alejandro Amenabar que reflexa a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (Karra Elejalde) que pasa de apoiar públicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rechazala ante a deriva sanguiñolenta da mesma. En todos os casos a entrada é de balde ata completar aforo.

Unha parte importante da programación do Concello consiste na presentación de novos libros de investigación que abordan a represión e a sublevación na provincia, polo que estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. Así, a través do Instituto de Estudos Miñoranos, o mércores 12 ás 19:00 horas será o turno de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate de refuxiados republicanos’, de Roberto Mera. O domingo 23 ás 19:00 José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián presentan ‘A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos’ que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’. A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ de Xosé Álvarez Castro, tamén en colaboración co IEM. Paralelamente, o Concello ofrecerá no IES Val Miñor e IES Proval unha charla de Carlos Meixome sobre o seu libro ‘Catas na Memoria’, agasallando a ambos centros con diversos exemplares.

Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de ‘La carcel de curas’, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

Igualmente, o Concello colaborará con Lucenza-Ateneo para ofrecer o venres 14 de outubro no Auditorio Municipal un acto en homenaxe ao 70 aniversario da publicación de ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro, libro clave para comprender a literatura galega contemporánea. Este título e o conxunto da obra fan referencia á prisión padecida polo autor no Mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista.

O 15 de outubro, como cada ano, o Concello participará nos actos en homenaxe aos asasinados na ‘Volta dos 9’ en Baiona e celebrará o seu particular ás 12:00 horas no Xardín da Memoria (ao carón do Pavillón de Panxón). O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.