Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán abre ata o 27 de agosto o prazo de presentación de solicitudes de axudas para as asociacións do municipio

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica hoxe o anuncio coa apertura do prazo desde mañá para a solicitude de subvencións do Concello de Nigrán para as diferentes entidades do municipio (culturais, veciñais, festeiras ou deportivas). O prazo de solicitude é dun mes, finalizando o 27 de agosto (inclusive). A partida orzamentaria destinada desde o Concello mantense en 75.000 €. Coma sempre, as beneficiarias deben estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Nigrán. As bases e os seus correspondentes anexos están publicados na web www.nigran.es no apartado da portada ‘Convocatorias e Subvencións’.

“O noso compromiso é de máxima colaboración con tódolos colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais, deportivas ou festeiras, por iso ímos continuar con esta liña de axudas”, explica o alcalde, Juan González, quen encomia o seu “traballo desinteresado na promoción de todos estes aspectos que fan comunidade e que xeneran un Nigrán máis amable para as persoas”.

Coma nas bases aprobadas en sesión plenaria no 2018, mantense a contía máxima da subvención, sendo a liña de actividades culturais 20.000 euros en total (2.000 € tope por entidade), de 25.000 € a de fomento do asociacionismo (1.500 €/máximo por entidade) e de 30.000 € a de fomento da práctica deportiva establecéndose un mínimo de 1.000 euros por entidad solicitante para participar en competicións oficiais e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias e, novamente, que sexa un deporte tradicional galego, coma é o caso dos bolos celta.