Mércores, 7 Maio de 2025

Continúa o sábado o ciclo de teatro en Nigrán

Finaliza o vindeiro sábado 28 con ‘Nadal na casa dos Lamelo’ a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro

O Concello de Nigrán continúa co seu clásico ‘Outono de teatro’ este sábado 21 de Outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa compañía viguesa ‘Porta Aberta’ presentando a obra ‘Munuwa’. A entrada é de balde ata completar o aforo. O ciclo forma parte do convenio establecido coa Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA) e finaliza o vindeiro sábado 28 de Outubro con ‘Nadal na casa dos Lamelo’ a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro.

En ‘Munuwa’, un profesor de mediana idade, Darío, canso da vida rutinaria que levaba mantendo á súa ex-muller (Lola), aturando os caprichos do seu fillo adolescente e as bulras do seu mellor amigo (Guzmán), toma a decisión de mudar radicalemente de vida e irse ao outro lado do mundo. Para prepararse introduce nos seus hábitos costumes oceánicas munúwas, que comparte cos seus. Esta é unha obra tremendamente representativa do hastío no que viven determinadas persoas. Nunca quixestes dar un xiro radical ás vosas vidas? Pois mirade o que lle sucede a Darío cando quere dar o paso

Fegatea

A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.