Sábado, 3 Maio de 2025

Concello de Nigrán e dirección do Centro Comercial ‘Nasas-Nigrán’ cederán un local para ‘JuanMariaByLolola’

O alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Lopez Real 21, promotores del parque comercial ‘Nasas Nigrán’, José Antonio García, comunicaron oficialmente este venres ao CEE Juan María o acordo para ceder un local comercial á firma de moda inclusiva ‘JuanMariaByLolola’. Esta tenda en Porto do Molle, sumada á que xa teñen nas mesmas condición en Vialia, contribuirá a reforzar enormemente a marca. Precisamente, este proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial, foi seleccionado a semana pasada pola Fundación Alares como finalista dos ‘XI Premios a la Excelencia en la Inclusión Laboral y la Prevención de Riesgos Laborales de las Personas con Discapacidad’, resultado que se dará a coñecer nunha gala en Madrid este mércores 22 de Xuño.

“Nasas non só será un motor de emprego e riqueza para a comarca, se non que contribuirá á consolidación de ‘JuanMariaByLolola’ como marca e como empresa”, destaca o alcalde, Juan González, quen louba o talante social e solidario do grupo López Real 21. “A marca JuanmariaByLolola é a mellor embaixadora do ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír, por iso considerábamos fundamental que contase coa súa propia tenda precisamente en NASAS, e nese sentido hai que dicir que a dirección do parque comercial acolleu a idea con entusiasmo e, de feito, o ceden”, subliña o rexedor. “Para nos é unha oportunidade marabillosa porque garante a continuidade de ‘JuanMaríaByLolola’ e, de seguro, permite contratar a máis persoas con diversidade, porque compre recordar que o noso obxectivo é o beneficio social, non o económico”, destacan desde o centro educativo.

“Somos un grupo inversor amable onde o que importan son as persoas, por iso temos a nosa propia Fundación López Mariscal con proxectos de diferente tipo e, tendo en conta que estamos en Nigrán, tiñamos claro que queríamos colaborar de xeito directo con entidades como o CEE Juan María”, sinala o seu director xeral, José Antonio García, quen visitou persoalmente o centro o pasado ano e quen destaca tamén o emprego inclusivo que xerarán as diferentes marcas con presencia no parque. “Será un centro comercial e de ocio moderno, competitivo, accesible e sostible” con especial atención a puntos de recarga para vehículos eléctricos, aparcadoiros de bicicletas, plazas familiares ou un punto click&collect para recoller pedidos de comercio electrónico.