Sábado, 14 Xuño de 2025

Camos acollerá unha comida solidaria de presentación da asociación Huntington Galicia

O pasado 26 de marzo realizouse un encontro para familias e afectados da enfermidade de Huntington. Neste, un grupo de profesionais sanitarios mostrou os estudos e avances máis recentes sobre esta enfermidade.

A enfermidade de Huntington é unha enfermidade xenética neurodegenerativa cuxos síntomas adoitan empezar a manifestarse ao redor dos 40 anos, aínda que non é estraño o Huntington xuvenil. Os pacientes van sufrindo unha diminución das súas capacidades motoras, cognitivas e provoca trastornos psiquiátricos. Estímase que en España hai máis de 4.000 persoas afectadas.

Ata a data, a enfermidade non ten cura e os tratamentos farmacolóxicos limítanse a mitigar os seus síntomas. A terapia ocupacional axuda de forma moi positiva a este tipo de enfermos, xa que, dada a natureza desta enfermidade os trastornos depresivos son habituais e provocan un illamento paulatino dos afectados.

Neste encontro púxose de manifesto a necesidade dunha Asociación Galega que dé voz á familia Huntington da comunidade e tente coordinar con outras asociacións nacionais a formación dunha rede específica para facilitar o acceso a toda a información relacionada con esta enfermidade.

O vindeiro día 31 de xullo, na asociación “EIXO TOLO” en Camos (Nigrán), realizarase unha comida solidaria onde se presentará a asociación Huntington Galicia.

Para ser partícipe da comida solidaria pódese enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected] ou chamar ao teléfono 648179389.