Xoves, 27 Marzo de 2025

«Bancos da Amizade» para loitar contra o acoso escolar e a soidade

Os bancos, instalados na Ramallosa, serán instalados tamén en todos os patios escolares dos colexios de Nigrán, tal e como adiantou o alcalde Juan González

O Concello de Nigrán instalou esta mañá, na Alameda de San Campio da Ramallosa os dous primeiros ‘bancos da amizade’ de Galicia, unha iniciativa que xurdíu no 2012 en Florida tras pedirlle a nena Acacia Woodley a súa profesora que se colocase un no patio escolar para combatir a soidade nos recreos. En definitiva, trátase dun recurso que Nigrán extenderá aos seus patios e onde a persoa que se senta transmite aos demais a necesidade de apoio, folgos, alegrías e novas amizades.

“Recibimos a petición dunha veciña de Priegue no verán e dunha persoa maior da Ramallosa para que os fixeramos en Nigrán e non dubidamos nin un segundo, inmediatamente llos encargamos ao Centro Ocupacional do CEE Juan María; estamos encantados porque outros concellos da comarca coñecedores da nosa iniciativa xa anunciaron que se sumarán”.

O rexedor local lembra que Nigrán foi pioneiro “investindo en mochilas vibratorias para que as persoas xordas gozaran da música e a raíz disto outros moitos municipios de Galicia tamén o farán” polo que expresa a súa esperanza de que “cos bancos suceda o mesmo”.

A iniciativa encádrase no proxecto de Goberno ‘Un Nigrán para todos’ que, durante o pasado mandato e no que vai deste, desenvolveu iniciativas (pioneiras case sempre) de cara a acadar a accesibilidade universal e, en definitiva, un Nigrán amable coas persoas e que cre na diversidade.

Consecuentes co propio mensaxe que transmite este banco, feito a base de listóns de madeira de diferentes colores, o Concello de Nigrán encargou a súa fabricación ao taller de carpitería do CEE Juan María, que tamén se ocupou da súa instalación esta mañá precisamente a carón da caseta de ventas coa que contan no Alameda de A Ramallosa e enfrentando un banco a outro para favorecer a comunicación entre as persoas.

Esta idea chegou a España a inicios deste curso escolar cando unha nena dun colexio de Burgos o promoveu no seu centro a través dunha carta que se fixo viral nas redes sociais. “Este banco combate o bullying e a soidade en xeral, axuda ás persoas ás que se marxina pero tamén evita as conductas dos que causan esa marxinación e, en definitiva, apela a solidariedade e fraternidade das persoas e á aceptación da diversidade, así que en Nigrán non podían faltar”, incide González.