Sábado, 3 Maio de 2025

Aqualia súmase á campaña ‘Este Nadal merca en Nigrán’ aportando 3.000 € en vales

Ao longo desta semana preto de 60 familias usuarias dos Servizos Sociais recibirán cadanseus vales por valor de 50 € para poder gastalos en 70 establecementos de Nigrán

A campaña de Concello de Nigrán e Ovalmi ‘Este Nadal merca en Nigrán’ amosa desde hoxe a súa cara máis solidaria grazas a Aqualia. Así, a empresa concesionaria súmase aportando 3.000 € en vales de 5 € que serán entregados ao longo desta semana a preto de 60 familias usuarias dos Servizos Sociais de Nigrán para que os poidan consumir nun total de 70 establecementos do municipio adheridos a Ovalmi (o listado está dispoñible en www.nigran.es). A iniciativa é froito da colaboración entre as tres entidades.

“O obxectivo é que as familias en vulnerabilidade poidan empregar os cartos no que máis lles conveña ao tempo que se beneficia o comercio local da súa compra”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente “o gran compromiso social de Aqualia co municipio” e a colaboración de Ovalmi para poder levar adiante esta iniciativa na que participan desde tendas de alimentación a panadarías, perruquerías, talleres, farmacias, ópticas, ferreterías, tendas de roupa e zapaterías…

Paralelamente, e ao marxe desta campaña, o Concello realizará reparto de alimentos adicional con produtos tradicionais de Nadal. Igualmente, repítese a iniciativa “Agasallos de Corazón”, destinada ao Banco Municipal de Xoguetes para repartir durante todo o ano entre familias usuarias dos Servizos Sociais e tamén para promover o Roupeiro (tanto para doazóns como para recoller prendas). Deste xeito, ata o 20 de decembro recolleranse xoguetes de todo tipo (coa condición indispensable de que se atopen en bo estado e debidamente hixienizados) no Pavillón Municipal de Panxón (de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas) e no establecemento Chupipostres (Estrada pola Vía, 114 B). Compre sinalar que son especialmente necesarios os destinados a partir de 7 anos en diante. Igualmente, o Concello promove tamén nesta campaña o Roupeiro Municipal, ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas para uso propio ou de cara a realizar agasallos (desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos). Nestes intres, resulta especialmente necesario recibir roupa de cama. Calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa, xa que o obxectivo é tamén contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Localízase na rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor), é xestionado por voluntarias, e abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081).

#ESTENADALMERCAENNIGRÁN

Ante o éxito nas pasadas festas, o Concello e Ovalmi repiten esta iniciativa aberta a todos os comerciantes e que inclúe a partir de esta semana o reparto de 8.000 bolsas de papel kraft entre os establecementos, cartalaría, distribución de vinilos para escaparates coa frase #VivoEnNigránComproEnNigrán… Como xa é habitual, os propios tendeiros son os protagonistas de toda a campaña, sendo o vídeo estreado a semana pasada o elemento máis destacado. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en determinadas datas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…

“Repetimos a iniciativa porque estamos nunhas datas onde o consumo é o protagonista e queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González.