Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta mellorará a seguridade viaria na estrada PO-552 ao seu paso por Nigrán

O contrato, adxudicado por máis de 18.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a reformulación do proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada autonómica PO-552 na zona das Rexas, ao seu paso polos concellos de Vigo e de Nigrán.

O contrato foi adxudicado á consultora Deseños Estruturais e Viarios S.L., por un investimento superior aos 18.000 euros. Os traballos de redacción do novo proxecto contan cun prazo de execución de seis meses.

O obxectivo é adaptar o proxecto inicialmente deseñado pola Xunta para eliminar un treito de concentración de accidentes identificado entre os puntos quilométricos 6+500 e7+800 desta vía autonómica, coa fin de adaptalo ás suxestións recibidas durante o período de información pública.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade volverá a analizar a sinistralidade do treito e formulará novas propostas de mellora da seguridade viaria, primando a actuación nas interseccións e procurando diminuír a afección do proxecto inicial.

Ademais, o novo proxecto prestará especial atención á mellora da seguridade dos usuarios máis vulnerables, aos pasos de peóns e ás paradas de bus, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade.

Esta actuación está enmarcada na estratexia deseñada pola Xunta para a eliminación de todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, que acada preto do 80% do seu desenvolvemento, entre as obras rematadas e en execución.