Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta favorece o ocio educativo para persoas con discapacidade en Nigrán

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou os participantes da última quenda de campamentos de verán da Xunta na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán. A actividade ‘Natureza xunto ao mar’ acolle desde o 1 de setembro a persoas con discapacidade de entre 15 e 50 anos.

A directora xeral lembrou que a campaña de verán da Xunta é unha referencia a nivel estatal por ser a máis ampla —máis de 11.200 prazas ofertadas entre distintas actividades, 400 máis que o ano pasado—pero tamén por ser a máis inclusiva e accesible. Neste sentido, apuntou que todos os campamentos están a disposición das persoas con discapacidade e das súas familias.

Deste xeito, Begoña Abeijón sinalou que se favorece a plena inclusión destas persoas que teñen a oportunidade de pasar uns días de ocio educativo e de tempo libre nas mellores paraxes de Galicia. Paralelamente, o Goberno galego pon a disposición das familias unha orde específica para mozos con discapacidade, que este ano ofertou 250 prazas.