Venres, 2 Maio de 2025

A Xunta destaca a coordinación entre entidades e administracións para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu á reapertura dun punto de venda de Juan María Empleo acompañado polo alcalde de Nigrán, Juan González

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, e dos alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Paco Ferreira, respectivamente, asistiron esta pasada semana á reapertura da caseta que o Centro Especial de Emprego Juan María de Nigrán ten no Paseo de Torrente Ballester. Alí destacou a necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade.

O alcalde de Nigrán, Juan González, conversa con Marta Fernández-Tapias e Fernando González Abeijón

Fernando González Abeijón salientou o traballo que realiza a diario o centro Juan María Empleo para que os seus usuarios adquiran máis autonomía e melloren a súa calidade de vida. Neste senso, salientou o programa de formación dual subvencionado pola Xunta de Galicia e que permite a adquisición de habilidades necesarias para a integración no mercado laboral.

[su_image_carousel source=”media: 34224,34227,34225,34223″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

En concreto, esta formación dual trata de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación. Ao seu remate, os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

Nova colección

Un total de 10 persoas con discapacidade estanse a preparar no centro de formación da asociación en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola, a división laboral do centro especial de emprego que está centrado na industria da moda inclusiva.

O Centro Juan María Empleo reabre esta caseta para presentar a nova colección de roupa Surfeando estrellas, baixo o abrigo da deseñadora viguesa Lola Rande. Será o segundo punto de venda da súa colección fóra do propio centro, despois do emprazado no centro comercial da Praza Elíptica de Vigo.