Unha muller, veciña de Gondomar, precisou de asistencia médica debido ás lesións provocadas por incendio orixinado nunha tarteira esquecida no lume. Ademais das lapas, a estancia da casa encheuse de fume que chegou mesmo a estenderse á vivenda lindeira.
A veciñanza, alarmada pola intensa fumareda, chamou ao 112 Galicia e pediron axuda urxente para a ocupante da vivenda afectada xa que, sinalaban, sufrira algunhas queimaduras cando trataba de apagar o lume. O persoal do 112 Galicia avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron á ferida ao Hospital Povisa.
Simultaneamente, na vivenda actuaron os Bombeiros do Porriño co fin de ventilar ambos os dous apartamentos e asegurarse de que a tarteira estaba complentamente apagada. Unha vez realizadas as medicións correspondentes e comprobar as boas condicións da atmosfera no interior dos domicilios, deron por finalizada a súa intervención.
Cómpre sinalar que neste operativo, que se activou preto das sete da tarde de onte, tamén colaboraron os axentes da Policía Local e os membros do GES do Val Miñor.