Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar incrementa nun 500 % as partidas destinadas a Benestar Social

O Pleno aprobou co voto a favor do goberno local, CDs e PP e a abstención do BNG e Manifesto Miñor, a adxudicación do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) por un período de dous anos e cunha dotación económica de 1.300.000 euros

O Servizo de Axuda ao Fogar de Gondomar, integrado por un persoal de 26 traballadores e traballadoras, prestará un total de 2.500 horas ao mes a máis de medio centenar de usuarios, cun custo de 17.06 euros a hora. Isto suporá un incremento na partida anual do concello de 221.000 euros, que se suma aos xa asumidos noutros servizos como o banco de alimentos, comedores, alugueres ou igualdade, convertendo a Gondomar no concello que máis inviste en materia social de todo o país.

A tenente de alcalde e concelleira responsable de Benestar Social, Nuria Lameiro, subliña que estas cifras “son unha proba clara da nosa firme aposta polas políticas sociais e centradas na defensa e atención dos colectivos máis vulnerables e necesitados, como son os maiores, persoas en situación de risco ou de exclusión social, ou que simplemente atravesan un momento difícil nestes tempos de crise”.

Unha idea que ratifica o alcalde, Paco Ferreira, quen lembra que “unha vez máis o peso da política social déixase en mans dos concellos, das administracións locais, que nos vemos obrigadas a asumir competencias impropias ante o abandono delas por parte de Alberto Núñez Feijóo”. Lamenta que o presidente autonómico “utilice aos concellos como un instrumento para cubrir a súa falta de xestión e abandono en materia social, de dependencia ou igualdade, entre moitas outras”.

O rexedor insta á Xunta de Galicia a atender estas cuestións nos próximos orzamentos “nos que esperamos incremente as partidas en materia social, pero tamén en igualdade, aplicación dos protocolos ante o covid, educación… cuestiones que están a deixar en mans dos concellos aos que cada vez afogan máis económicamente abocándoos en moitos casos á quebra”.

Máis incomprensible para Paco Ferreira é a postura de abstención dos grupos municipais de Manifesto Miñor e BNG na aprobación do SAF: “Non entra na cabeza de ninguén que dous partidos que se consideran progresistas e defensores das políticas sociais, puxéronse de perfil e non apoiasen a aprobación desta adxudicación, resolta por unha mesa de contratación”, concluíu o rexedor.