Sábado, 3 Maio de 2025

Os alcaldes do Val Miñor denuncian a falta de persoal médico na comarca

Os tres alcaldes do Val Miñor reuníronse esta mañá con persoal médico e de enfermaría do Centro de Saúde do Val Miñor para apoiar aos profesionais na súa demanda de máis sanitarios durante a tempada estival. Segundo constataron, a atención na comarca resulta xa deficitaria ante o rexeitamento da Xunta a establecer o tradicional ‘Reforzo de Costa’ formado por médico, enfermera, PSX e, adicionalmente, reforzo do P.A.C.

Precisamente por esta negativa histórica da Xunta pese a ser municipios eminentemente turísticos, o persoal médico e de enfermaría dos tres concellos enviaron o 21 de Xuño un escrito á Xunta asinado por 49 profesionais da área reclamando o habitual reforzo de costa da tempada estival xa que, por vez primeira, a Consellería de Sanidade non o contempla. A isto súmase a non reposición da terceira ambulancia da que sempre dispuxo o Val Miñor, manténdose igualmente en dúas pese ao exponencial incremento da poboación.

“A correcta atención sanitaria da nosa poboación e dos visitantes que reibimos é un dereito avalado constitucionalmente e que está en serio risco. O propio persoal sanitario da comarca está alertando do caos que se aveciña de non rectificar a Xunta. Estamos a falar dun problema para a atención das Urxencias en xeral pero tamén para atender á xente desprazada de fora”, advirte Juan González, presidente de Mancomunidade do Val Miñor e alcalde de Nigrán, quen xunto a Francisco Ferreira, rexedor de Gondomar, e Carlos Gómez, rexedor de Baiona, reclama unha solución inmediata tendo en conta a gran afluencia que se agarda na comarca xa desde este primeiro fin de semana de xullo.

“Sabendo a afluencia masiva que acontece no período estival na zona do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) ao tratarse dunha ubicación cun gran interés turístico, consideramos imprescindible manter o Reforzo de Costa composto por médico/enfermeiro/PSX e refuorzo do PAC posto que, é inviable a atención da poboación desplazada cos recursos existentes, agravada polos periodos vacacionais do persoal”, denuncian os sanitarios no seu escrito. “En resumen, a demanda triplicase neste período e os profesionais que exercemos a nosa actividade laboral nestes centros non podemos asumir o volumen xerado nin nos podemos responsabilizar de ofrecer unha adecuada atención”, finaliza.