Luns, 13 Xaneiro de 2025

Baiona e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra acadan un acordo de colaboración

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luís Guitián, veñen de amoar o interese de ámbolos dous organismos de colaborar para para potenciar estas dúas contornas salientables dentro do ámbito turístico mundial. Por iso, aproveitarán a presentación do primeiro Encontro de Mercados Gastronómicos que promove a Praza de Abastos de Baiona os días 29 e 30 de maio, dedicado este ano aos produtos da Ribeira Sacra.

Ambos os enclaves acordan accións de colaboración, non só en materia de turismo, senón tamén a nivel comercial para impulsar o consumo dos produtos craves de ambas as zonas. Ditas accións poñeranse en marcha de forma inmediata e daráselles continuidade tamén en tempadas de menos afluencia turística, para manter actividades tales como visitas programadas, eventos temáticos, culturais e gastronómicos.

O Encontro de Mercados, que se realizará na primeira planta do edificio multiusos Anxo Bedriñana, contará cun foro, moderado polo presentador Rafa Durán, onde se tratarán distintas claves sobre o turismo, a cultura e a gastronomía. Nel participarán diversos organismos relacionados co sector como Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, o Consello Regulador, a Federación Galega de Turismo Rural, ACEBA e a Escola de Hostalería Belarmino Fernández.

Durante a fin de semana tamén se farán diversas actividades desde a mañá ata a tarde. Os asistentes poderán gozar dun túnel do viño, catas, menús de degustación, exposicións de produtos e un concerto acústico, entre outros. Para iso contarase coa participación de distintas adegas.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca que, desta maneira, “comezará unha relación consolidada entre as dúas zonas de vital relevancia, quen, á súa vez, facilitarán mutuamente a difusión dos seus mercados turísticos, culturais e gastronómicos”