19.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorBaionaBaiona acolle «Bailar Agora» no marco de «Mulleres en Acción. Violencia Zero»

    Baiona acolle «Bailar Agora» no marco de «Mulleres en Acción. Violencia Zero»

    A bailarina e coreógrafa ourensá Marta Alonso Tejada ofrecerá o seu espectáculo «Bailar agora» o vindeiro día 23 de xullo, unha actuación que se enmarca no programa «Mulleres en Acción. Violencia Zero» da Deputación de Pontevedra. A representación terá lugar ás 21.00 horas nos Xardíns da Casa de Navegación de Baiona e ata a vila desprazarase a deputada provincial Iria Lamas.

    En «Bailar agora», a artista propón unha parada no corpo para detectar como se instala nel o paso do tempo e situar como se ve afectado polas experiencias, as presións sociais e o contexto. Trátase dunha revisión do vivido e o presente, o aquí e agora do corpo dunha muller de 35 anos que se recoñece e baila. Marta Alonso é bailarina e profesora de ballet clásico, titulada pola Royal Academy of Dance de Londres. Tamén é licenciada en Psicoloxía e está formada en Danza Terapia pola madrileña Fundación Maite de León. O seu traballo como bailarina e creadora está moi ligado á plataforma de creación galega trasPediante, coa que asina e participa en numerosas pezas, e tamén desenvolve unha intensa labor pedagóxica na Escola de Danza Alfaia de Santiago.

    A cuarta edición do Programa «Mulleres en Acción. Violencia Zero» reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes disciplinas, como a pintura, a música, a poesía, a danza, o teatro, o grafiti e a performance, que levarán ás súas obras por outros tantos concellos da provincia pontevedresa, co obxectivo de dar visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para recoñecer o traballo das mulleres artistas galegas.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.