A Casa da Navegación de Baiona reabrirá as súas portas o vindeiro venres, 26 de febreiro, cunha sala de exposicións que levará o nome de Pedro Novalbos. Deste xeito, o Concello de Baiona homenaxea a este distinguido persoeiro dedicándolle a Sala dos Naufraxios que pasará agora a denominarse ‘Sala Pedro Novalbos’.
A Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte, sinalou que Pedro Novalbos tiña claro “que as pezas atopadas na localidade merecían ser conservadas e mostradas nunha exposición dun museo e máis concretamente en Baiona, por ser o lugar onde apareceran e comezou un periplo por despachos diversos reivindicando ese sentido social do patrimonio que é o que todos e todas podamos gozalo. Polo seu gran traballo quixemos nomear á sala co seu nome”.
Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, lembrou que se Baiona pode mostrar os seus tesouros mariños “é grazas a Pedro Novalbos e o Concello quérello agradecer co nomeamento deste espazo”. Cómpre salientar que foi este vigués de nacemento “e miñorano de adopción” o que descubriu uns vellos canóns en 1986 ao redor de Cabo Silleiro mentres mergullaba. “Desde entón dedicou os seus esforzos á complicada extracción das pezas de artillería do século XVI, da Armada Invencible, que foron parar a un almacén do Museo de Pontevedra ata que conseguiu traelas en 2015 á Casa da Navegación baionesa”, engade o rexedor local.
Goméz subliñou que o pasado mes de agosto “o Concello de Baiona homenaxeou a Pedro Novalbos coa entrega dun ‘Lazo de Honra’ e comprometémonos a poñer en valor os seus achados e a súa figura. Coa sala de exposicións Pedro Novalbos queremos agradecerlle o seu compromiso social coa cultura e o patrimonio de todos así como o seu gran labor por reivindicar o patrimonio de Baiona, facéndolle esta pequena chiscadela a este gran home”.
A xenerosidade de Novalbos e a súa intachable conciencia social do patrimonio, que o empuxou en todo momento a reivindicar que estas pezas tiñan que ser expostas para o aprecio de todos e todas, son condicións que lle separan de tantos outros cidadáns que igualmente localizan patrimonio mergullado pero que o consideran propio.
O vindeiro venres 26 a Casa da Navegación de Baiona volverá abrir as portas ao público no horario de martes a sábado, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 as 19:00 horas.