Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela suspende as Festa do Choco e Os Maios

O alongamento do estado de alarma e a presumible prohibición posterior de aglomeracións de público, fan imposible a celebración destas dúas festas multitudinarias

O Equipo de Goberno de Redondela anunciou hoxe a suspensión das festas do Choco e Os Maios, dúas celebracións de referencia no municipio e que “por motivos obvios” non poden ser aprazadas. A decisión da suspensión da Festa do Choco adoptouse logo de manter contactos co presidente da confraría de pescadores e con empresarios do sector da hostalería que tiñan confirmada a súa presenza nesta edición do 2020.

En ámbolos dous casos confirmouse a imposibilidade de trasladar a data de celebración, “dado que o choco ten a súa tempada e non tería sentido facelo fora da mesma”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que lembra que concellos “como Arbo ou As Neves, suspenderon a Festa da Lamprea e a do Requeixo e o Mel, por motivos similares, ao tratarse de festas gastronómicas con datas moi concretas”.

Algo similar acontece coa Festa dos Maios que, cada ano, congrega a miles de persoas arredor dunha tradición ancestral que Redondela soubo conservar e poñer en valor. O alongamento do estado de alerta e a súa próxima apertura “controlada” na que se prohibirán as aglomeracións de público, “fan imposible unha celebración que é multitudinaria e que, polo seu propio nome, non tería sentido trasladala, previsiblemente, máis aló de xullo”, apunta a rexedora redondelá.

En todo caso, agás estes dous casos puntuais “as actividades culturais que se teñan que desenvolver no futuro máis inmediato, non serán suspendidas, senón aprazadas”, explica o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa. De feito, engade Boullosa, “as actuacións e espectáculos previstos con motivo da festa do Choco, non serán anuladas, senón que se lles buscará unha nova data para a súa celebración adaptándonos ás circunstancias que, para entón, marque o Goberno do estado”.

A non suspensión das actividades culturais, subliña Digna Rivas, “son un xeito de apoiar á cultura e as persoas que viven dela e ás que, como a case todo o sector empresarial, comercial e produtivo, esta crise sanitaria golpea con especial dureza”.