Domingo, 23 Marzo de 2025

Redondela retoma o proxecto de ‘Cidade Amiga da Infancia’ para que sexa unha “ferramenta útil para a mocidade”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros, recibiu na Casa do Concello a Gloria del Río, vicepresidenta de UNICEF Comité Galicia e Marta Andrade, responsable de Sensibilización e Políticas de Infancia en UNICEF Galicia, de cara a estudar a situación en que se atopa o proxecto de Ciudades Amigas de la Infancia.

Cómpre lembrar que o Concello de Redondela adheriuse a esta iniciativa “pola presión dos grupos que daquela formábamos a oposición xa que o Goberno do PP non tiña interese algún”, apunta a alcaldesa Digna Rivas.

De feito, esa falta de interese do anterior goberno quedou constatada ao longo da xuntanza ao constatarse que UNICEF enviara, no mes de abril, unha circular para que o Concello de Redondela formalizase a inscrición de cara a participar nun encontro de nenos e nenas representantes dos distintos municipios que formaban parte do proxecto Ciudades Amigas de la Infancia. Dita comunicación volveuse a remitir no mes de maio e Redondela declinou a asistencia a este encontro.

“É triste –sinalou a alcaldesa Digna Rivas– que Redondela, o cuarto municipio da provincia de Pontevedra, fora o único municipio que, contando co nomeamento de Ciudad Amiga de la Infancia, non participou nese evento, impedindo que os nosos nenos e nenas tiveran a oportunidade de intercambiar experiencias e coñecementos con a mocidade doutros municipios”.

“Queremos Cidade Amiga da Infancia sexa unha ferramenta efectiva de participación da infancia e da mocidade na vida do seu municipio”, apunta Digna Rivas

Por parte do Concello de Redondela explicóuselle tanto a Gloria del Río como a Marta Andrade, que o proxecto “estaba totalmente paralizado dende marzo ou abril deste ano, antes das eleccións, noutra mostra máis de incapacidade do anterior goberno do PP” que se limitou a contratar a unha empresa externa para que desenvolvera o proxecto, “pero que, por parte do Concello, amosouse o máis absoluto desinterese por facer desta idea, unha ferramenta efectiva para a mocidade e a infancia”.

Agora, o Concello de Redondela retoma a iniciativa porque “pertencer a Cidades Amigas da Infancia, va máis aló dun diploma e unha praca –asegura Digna Rivas–, queremos que sexa unha ferramenta efectiva de participación da infancia e da mocidade na vida do seu municipio”.

Digna Rivas é clara ao afirmar que o actual equipo de Goberno “quere transmitir á mocidade que as institucións e a política, valen para algo e para iso, a infancia e a mocidade teñen que comprobar que as ideas que achegan ás reunións, os proxectos e as iniciativas que presentan, son tidas en conta, que serven para algo e que se plasman en feitos reais”, sinala a rexedora local.

En novembro, en que se celebra o día das Cidades Amigas da Infancia, o Goberno local espera ter todo o proxecto en marcha e que “nenos e nenas teñan o protagonismo e a participación activa que merecen na vida do seu concello”. “Para moitos, a infancia e a mocidade son o futuro de Redondela. Para este goberno son xa o presente, que é ben diferente”, conclúe Digna Rivas.