3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela pon en marcha a Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do...

    Redondela pon en marcha a Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Comercio

    Goberno redondelán, partidos políticos e tecido asociativo, empresarial, laboral, social e sindical do municipio, comezan os traballos para a reactivación económica unha vez que remate o estado de alarma

    Dispoñer de plans e ferramentas que, unha vez rematado o estado de alarma, contribúan a reactivación económica do municipio á maior brevidade posible, é o obxectivo da Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Comercio de Redondela que este pasado venres celebrou a súa primeira reunión telemática, unha xuntanza na que participaron o Goberno local, partidos políticos e representantes da Asociación de Empresarios, da Confraría de Pescadores, dos sindicatos, do sector do taxi e da Federación de Asociacións Veciñais, amais de Axentes de Emprego e Desenvolvemento local.

    Esta primeira reunión serviu, asegurou o Goberno local, “para escoitar as primeiras impresións e propostas dos participantes de cara a poder realizar un análise detallado dos posibles futuros que se poden presentar e as medidas a adoptar”.

    Así, a Mesa ten prevista xa unha segunda reunión dentro dos próximos 10 días para xa “sobre propostas concretas, comezar a traballar nas medidas que contribúan a que Redondela recupere o seu pulso social e económico á maior brevidade posible”.

    Nese sentido, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou a necesidade “de traballar todos xuntos, na mesma dirección e cun obxectivo común que non é outro que a dinamización económica do municipio”.

    O Equipo de Goberno fixo especial fincapé no feito de que mentres está en vigor o estado de alarma “é o momento idóneo para comezar a traballar coa vista posta no día despois”. Polo tanto, e dende esa perspectiva, do traballo desta Mesa de Asesoramento Económico, deberán saír medidas concretas “para implementar un plan de choque que contribúa a recuperación económica no menor tempo posible”.

    Insistiu a alcaldesa Digna Rivas, no feito que “ninguén quedará atrás” polo que tamén se deseñarán medidas específicas “encamiñadas á xeración de emprego e a inserción laboral das persoas que, por desgraza, perderon os seus empregos nesta crise”.

    Preténdese, polo tanto, a elaboración dun documento de traballo “flexible e aberto no que se poidan ir propoñendo e desenvolvendo novas accións co fin último da dinamización laboral, económica e comercial de Redondela”.

    Unha acción conxunta de toda a sociedade

    Non debe ser, asegurou a alcaldesa, “a labor do Goberno en solitario, senón unha acción conxunta da sociedade redondelá porque o obxectivo que se busca é o beneficio colectivo de toda a cidadanía”.

    A propia composición desta Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do Comercio, afirma o Equipo de Goberno, “inclúe á totalidade dos veciños e veciñas de Redondela a través dos seus representantes sociais, políticos, sindicais ou laborais”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.