Venres, 2 Maio de 2025

Redondela e Zona Franca ultiman un convenio de colaboración

David Regades e Digna Rivas estudaron posibles localizacións onde abrir un Centro de Emprendemento e Innovación Social

Nun encontro mantido na mañá do venres, 11 de outubro, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades, analizáron as posibles vías de colaboración para poñer en marcha accións que favorezan o desenvolvemento económico da comarca.

A Alcaldesa quixo agradecer ao Delegado de Zona Franca a súa visita ao Concello, primeira oficial desde que esta tomou posesión do seu cargo. “A Zona Franca é unha ferramenta para o desenvolvemento económico de Vigo e a súa área de influencia, por iso, grazas ao compromiso que hoxe nos manifestou David Regades, tamén poñerá os seus recursos e coñecementos ao servizo de Redondela” manifestou Rivas.

Concretamente, os dous responsables aproveitaron este encontro para tratar temas de desenvolvemento económico e a favor do emprendemento. Neste sentido, Rivas e Regades estudaron diferentes localizacións onde poder abrir un Centro de Emprendemento e Innnovación Social. Un espazo para o intercambio de ideas, onde as emprendedoras e emprendedores atopen apoio administrativo e de xestión e onde poidan resolver as dúbidas iniciais cando un embárcase na posta en marcha dun negocio.

Regades, pola súa banda, afirmou que “a Zona Franca non pode estar de costas a Redondela xa que este Concello forma parte do Gran Vigo polo que debemos de poñer todos os recursos que podamos para que a economía deste Concello siga crecendo”.

Na reunión ambos dirixentes tamén aproveitaron para analizar as diferentes ferramentas das que dispón a Zona Franca, como poden ser as aceleradoras de empresas ViaGalicia e VíaExterior, a sociedade de capital-risco Vigo Activo ou o servizo de información económica ARDÁN.