Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela desenvolverá iniciativas para a utilización da lingua galega nos cemiterios

O departamento municipal de Normalización Lingüística de Redondela foi o encargado de promover os actos conmemorativos do 'Día da restauración da memoria lingüística de Galicia'

O goberno municipal, encabezado pola alcaldesa Digna Rivas, quen tamén é concelleira de Normalización Lingüística, homenaxearon cunha placa na entrada do Cemiterio do Viso a todos e todas os que alí repousan. Digna Rivas chamaba a atención sobre o feito de que “a maioría dos habitantes do Concello falan en galego, mais só o 2% das lápidas ou placas colocadas nos cementerios están na nosa lingua”. Por este motivo, o Concello de Redondela animará cunha serie de iniciativas á utilización da lingua galega en lápidas e placas. 

A placa foi colocada na entrada principal do Cemiterio do Viso, onde grazas á aportación do Párroco, don Carlos, destaca de forma ben visible a lenda ‘O Barrio de Todos’, un xeito de lembrar a unión da parroquia do Viso e  para que chame a atención de cantas persoas acuden diariamente a este recinto a rendir homenaxe a seus difuntos, na memoria das persoas que xacen ahí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu.  


No acto oficial de apertura da placa no camposanto do Viso, a alcaldesa estivo acompañada polo párroco do Viso, don Carlos; Xosé González, –durante moitos anos responsable da área de Normalización Lingüística de Redondela e que acudía en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia– e concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno como Susana Couñago, Leonardo Cabaleiro e Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura .

O Goberno Municipal e os funcionarios de normalización lingüística fixeron un chamamento á ciudadanía “a empregar con normalidade en tódolos ámbitos a lingua na que se manifiesta na intimidade familiar”.

“Cómpre que reaccionemos perante este feito anómalo e que mudemos vellos hábitos lingüísticos herdados que non son máis ca pouca autoestima polo propio, por aquilo que é patrimonio común de todos, o noso idioma. A lingua galega é o signo máis preclaro da nosa identidade. Este debe permanecer vivo nos ámbitos onde moura a memoria colectiva, sendo os cemiterios eses espazos singulares de recordo. Restaurar a memoria lingüística de Galicia é un obxectivo que debemos conseguir entre todos”, explicou a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística.