Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela convoca a primeira reunión da Mesa de Asesoramento Económico e Reestruturación do sector comercial

O Goberno local comeza a traballar coa vista posta “no día despois” para paliar os efectos da crise provocada pola situación de emerxencia sanitaria e estado de alarma polo COVID-19

O Concello de Redondela convocará esta semana a primeira reunión da Mesa de asesoramento Económico e Reestruturación do Sector Comercial, unha iniciativa que nace coa intención de comezar a traballar conxuntamente nun plan de acción para intentar paliar os efectos da crise que o estado de alarma polo COVID-19 traerá aparellada durante o mesmo e nas datas posteriores ao seu remate.

Esta Mesa, na que participarán representantes dos sectores económicos máis significativos – hostalería, comercio, Asociación de Empresarios– así como técnicos municipais e representantes dos distintos grupos políticos, busca “a unión e implicación de tódolos sectores afectados para reactivar a economía e buscar unha saída en común a crise provocada pola pandemia”, explica a concelleira de Economía do Concello de Redondela, María Castro.

A este respecto, a folla de ruta que se está perfilando pasa polo compromiso do Goberno local en apoiar a revitalización do sector nestes momentos tan complicados, “polo que se contemplarían dende actividades de promoción e dinamización ata a exención de taxas, pasando por axudas, infraestruturas e iniciativas de publicidade e comunicación” matiza o Equipo de Goberno.

De feito, durante este estado de alarma, o Concello xa está a implementar medidas como a promoción dos mercados de abastos municipais, o a potenciación do servizo de pedidos nos mesmos. Asemade estableceuse a exención ou bonificación de varios tributos municipais ou a mobilización de un millón de euros para axilizar o pago a provedores, de cara a permitir que as empresas e persoas autónomas, dispoñan de liquidez para seguir funcionando.

A este respecto, explicou Digna Rivas, que o Goberno local “segue a estudar a posta en marcha demais medidas que permitan ao comercio e ao sector produtivo, adaptarse a unha situación cambiante como a que vivimos”.

Coa vista posta no “día despois”, o Goberno local, en colaboración co sector comercial e empresarial, desenvolverá medidas dinamización “que se recollerán nun Plan de choque no que se incluirán campañas de sensibilización que lembren á cidadanía a importancia de mercar no comercio local e de proximidade como medio de creación de riqueza, emprego e reactivación económica e que contribúa a que saiamos, o antes posible, desta situación crítica”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.