Sábado, 3 Maio de 2025

Redondela acenderá o alumeado de Nadal mañá venres coincidindo co ‘black friday’ do comercio local

Con medidas rigorosas de seguridade sanitaria, o Goberno local prepara un programa de Nadal “no que os nenos e nenas serán os grandes protagonistas”

As rúas e prazas de Redondela encheranse mañá, ás 18 horas, de luz e cor co acendido do alumeado de Nadal que o Goberno municipal quixo facer coincidir co ‘black friday’ do comercio local como medio para dinamizar as rúas e contribuír á recuperación deste sector “fundamental para a recuperación económica do municipio”, sinalaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Comercio, María Castro.

Rivas adiantou que a vindeira semana o Concello de Redondela dará a coñecer a programación de Nadal que, “pese aos estritos protocolos sanitarios, será unha programación ampla, variada e que terá nos nenos e nenas aos grandes protagonistas”. O Concello lembra que a pesar da pandemia e da “preocupante situación que segue presentando o municipio en canto a casos activos de COVID”, non se pode “quitar a ilusión do Nadal aos máis pequenos e pequenas da casa”.

O programa que presentará o Concello servirá tamén para “facer esquecer, dentro do posible, o que se pode considerar xa como ‘un ano roubado’ no que a crise sanitaria marcou todos e cada un dos nosos pasos”.

Pese a todas estas circunstancias adversas, engadiu Digna Rivas, “co alumeado que acendemos mañá, queremos non só encher de luz as rúas a prazas, senón de esperanza a todas os veciños e veciñas, a esperanza que o esforzo e sacrificio que todas e todos realizamos durante este longo ano, lévannos a mirar con certo optimismo o ano que está a piques de entrar”.