Sábado, 3 Maio de 2025

O programa «Apego» de dinamización lingüística volve a Redondela

‘Té, café, chocolate’ de ‘Golfiños’ será o encargado de abrir, o 28 de febreiro, esta nova edición do programa que se desenvolverá todos os últimos venres de mes ata xuño

O espectáculo musical ‘Té, café, chocolate, do grupo ‘Golfiños’, será o encargado de abrir unha nova edición do programa Apego en Redondela. Será o venres 28 de febreiro ás 18 horas no multiúsos da Xunqueira.

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela presentou o calendario de actividades que, ata o verán, se desenvolverán na nova etapa do programa Apego, unha iniciativa que busca a promoción da lingua galega nas idades máis novas e que mestura música infantil con obradoiros dirixidos a nais e pais ou obradoiros ilustrados e didácticos.

Digna Rivas, como alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, adiantou a intención do seu departamento de “achegar o programa Apego ás parroquias, de xeito que todos os veciños e veciñas, independentemente do seu lugar de residencia, poidan ter acceso a esta iniciativa de dinamización lingüística que promove o Concello”.

As actividades de Apego desenvolveranse todos últimos venres de mes con entrada de balde. Tras ‘Té, café, chocolate’ no último venres de febreiro, a seguinte cita será o 29 de marzo, tamén ás 18 horas, con ‘As parábolas’ a cargo de ‘Pakolas’. Xa no mes de abril, o día 24 ás 16:30 horas, terá lugar un obradoiro de movemento libre e acompañamento.

‘Migallas Teatro’, ofrecerá o 29 de maio ás 18 horas, un espectáculo titulado ‘Un berce cheo de contos’ e, finalmente, o programa pecharase o 26 de xuño ás 18 horas, co contacontos de Pablo Díaz.