Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Redondela mercará xoguetes para as nenas e nenos das familias máis desfavorecidas

“Apostamos pola solidariedade e non pola caridade” asegurou a alcaldesa e concelleira de Servizos Sociais, Digna Rivas, quen subliñou que serán xoguetes non sexistas comprados no comercio local

O Concello de Redondela mercará, por primeira vez, xoguetes novos para distribuír entre os nenos e nenas das familias máis desfavorecidas. A iniciativa, que parte da Concellería de Servizos Sociais que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, busca que “todos os nenos e nenas, independentemente da situación económica das súas familias, poidan gozar dun Nadal máis feliz”.

Rivas subliñou que a iniciativa “é unha aposta pola solidariedade e non pola caridade” e nese sentido insistiu en que non se trata dunha recollida de xoguetes “senón da compra de xoguetes novos e que se realizará nos comercios locais”.

Buscase con esta actuación que a situación económica das familias neste tempos de crise sanitaria e económica, repercuta no menos posible na ilusión dos máis pequenos e pequenas da casa nunhas datas tan especiais.

Os xoguetes, que se mercarán no comercio local, serán igualitarios e non sexistas de cara a fomentar a igualdade dende as idades máis temperás “facendo que esta campaña teña a transversalidade que sempre buscamos nas actuacións do Concello e, neste caso, coa Concellería de Igualdade”, engade a rexedora local.

Así pois a campaña posta en marcha polo comercio, que ten como obxectivo primordial que nenos e nenas poidan gozar dunhas festas o máis felices posibles, cumpre outros dous obxectivos como son contribuír a fomentar a igualdade a través dos xoguetes non sexistas e, ao mesmo tempo, contribuír á dinamización do comercio local.