Nenos e nenas do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela visitaron nestes días o Mercado de Abastos de Redondela, nunha iniciativa que tiña como obxectivo dar a coñecer, aos máis pequenos, tanto a importancia do mercado coma os produtos que nel poden atopar.
As e os pequenos percorreron a instalación onde praceiras e praceiros explicáronlle, polo miúdo, en que consistía o seu traballo e amosáronlles os produtos que vendían en cada uno dos postos. Ao remate da visita e con gran ledicia, nenos e nenas recibiron un agasallo en lembranza do seu paso polo Mercado de Abastos redondelán.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que acompañou aos pequenos e pequenas na súa visita, agradeceu “a total e absoluta implicación” dos e das profesionais que traballan na praza de abastos nesta iniciativa que busca “que estes nenos e nenas, que serán os consumidores do día de mañá, comecen a valorar a importancia do mercado de abastos e a extraordinaria calidade dos produtos que se poñen a venda diariamente”.
Rivas aproveitou a visita á praza de abastos para reafirmarse no seu compromiso de “facer desta instalación un dos eixos da dinamización da actividade comercial de Redondela” e nese sentido salientou a importancia “de reconverter o mercado de abastos para, ao igual que se fai noutros lugares, compatibilice a súa actividade comercial polas mañás con outras sociais e culturais polas tardes e que, polo tanto, teña actividade ao longo de todo o día contribuíndo a dinamizar a súa contorna”.