A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo un chamamento esta mañá en Redondela, no marco da acción musical de Somdolilá do programa da institución provincial ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’, a traballar “dende o optimismo e facendo moito ruído a prol da igualdade”.
A peza de Somdolilá, co título ‘Conversas de bo trato sen palabras’, implicou activamente ao alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Illa de San Simón para loitar contra as violencias machistas a golpe de baqueta. Ao respecto, a presidenta manifestou a importancia de “traballar particularmente cos centros educativos porque precisamos que a mocidade se sume nesta loita pola igualdade”.

Para a presidenta da Deputación “non hai ningunha lacra máis terrible que as violencias machistas”. Ao respecto, Silva recordou que as mulleres “temos que enfrontarnos a moitas discriminacións, sendo a máis grave a violencia que sufrimos. Neste ano xa van 15 mulleres asasinadas, dende que hai enquisas 1.049”.
Por este motivo a presidenta propón que as administracións públicas sexan máis activas, “non hai nada máis fermoso que construír un mundo onde cada persoa poida cumprir os seus soños sen que ninguén lle poña teitos de cemento armado. Por iso debemos poñer en marcha proxectos que nos permitan a través da educación cambiar o mundo e que todas e todos poidamos ser libres, iguais, felices e non padecer discriminacións”. Neste eido, Silva remarcou o compromiso das mestras e mestres e das profesoras e profesores coa igualdade: “o seu papel é fundamental para construír unha sociedade mellor”.

Pola súa banda a alcaldesa de Redondela Digna Rivas amosou o seu orgullo por acoller una acción artística do programa ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’. Ao tempo, Rivas remarcou a importancia de “impulsar a igualdade en todas as accións e decisións de xeito transversal”.
A peza ‘Conversas de bo trato sen palabras’ de “Somdolilá”, a novena da quinta edición do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, tivo lugar na praza do Concello de Redondela, conxugando percusión e movemento para poñer o foco nas violencias invisibles contra a muller. Esta peza musical conxunta, sen palabras, iniciouse previamente no instituto o que lles permitiu descubrir ás integrantes do grupo a un alumnado “súper implicado, capaz de escoitarse e respectar os tempos dos demais”.

Nela participou activamente o alumnado de 2º e 3º da ESO do IES Illa de San Simón e ata a praza do concello acudiron tamén alumnas e alumnos de 1º da ESO do mesmo instituto para escoitar o resultado final, unha peza rítmica na que se transmitiu a sensación de unidade, de empoderamento, sorodiade e transformación.