O deputado provincial, Carlos López Font, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitaron seis actuacións acometidas en Redondela por un valor de preto de 118.500 euros financiadas ao abeiro de aforros derivados das adxudicacións do Plan Concellos 2017. Así, levouse a cabo a mellora de camiños municipais en Cedeira, Chapela e O Viso; a ampliación do Rexistro e mellora de aseos na Casa do Concello; o subministro de pizarras dixitais para o conservatorio; subministro de ordenadores; mobiliario urbano para espazos céntricos; e o subministro de equipos de protección para os profesionais que retiran os niños de avespa velutina.
Na súa visita ás obras, financiadas ao cen por cen pola Deputación de Pontevedra, Carlos Font destacou a importancia do Plan Concellos, “que significa para os concellos que dende o ano 2016 son maiores de idade á hora de decidir as súas propias inversións e á hora de recibir achegas por parte da Deputación como nunca na historia se fixera”. Ademais, o deputado provincial fixo fincapé en que “estas actuacións son unha marabilla, é un orgullo ver para que sirve a política cando se administran e se xestionan ben os fondos públicos”.

Neste eido, Font resaltou que “estes preto de 120.000 euros corresponden a baixas do Plan Concellos” e lembrou que “co goberno do señor Louzán era a Deputación a que decidía que tipo de actuacións se realizaban e aqueles fondos que proviñan das baixas volvían a Presidencia para que se designasen directamente ás actuacións que fosen”. Así, o deputado provincial puxo en valor que “agora é xustamente o contrario, as baixas que se producen poden volver a utilizarse, polo que se aproveita ata o último céntimo do Plan Concellos”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela amosou o seu agradecemento á Deputación e destacou que cando ela era deputada “xa presumía do Plan Concellos e da liberdade que lle dá aos alcaldes e alcaldesas para investir e facer obras para a veciñanza”. Ademais, Digna Rivas explicou que “os 120.000 euros foron repartidos en todas as áreas, entre outras medio ambiente, infraestruturas ou novas tecnoloxías” e, en canto a adaptación de aseos na Casa do Concello, expresou a súa indignación porque “era tremendo que o cuarto concello da provincia de Pontevedra, de 29.000 habitantes, non tivese uns aseos accesibles para todas e todos”.

Trátase de seis actuacións financiadas no concello de Redondela con baixas do Plan Concellos para solucionar algunhas das necesidades máis urxentes que demanda a veciñanza. Tal e como explicou Carlos Font, dende 2015 a Deputación leva investidos en Redondela case 6,2 millóns de euros en todas as áreas de goberno. De feito, co Plan Concellos, a institución provincial achegou ao municipio máis de 4,5 millóns de euros. Ademais, Redondela puido financiar 32 obras coa Liña 1 do Plan Concellos e, no que respecta á Liña 3 de emprego, puido contratar a 99 traballadoras e traballadores.