Domingo, 16 Febreiro de 2025

O «Enterro da Lamprea» e as actividades infantís centran o Entroido de Salvaterra de Miño

O Enterro da Lamprea celébrase o 17 de febreiro a partir das 17:00 horas con saída dende a Rúa Rosalía de Castro.

O Concello de Salvaterra de Miño ten todo preparado para dar a benvida ó Entroido do 2024. Como xa ben sendo habitual as actividades para os máis pequenos e a diversión en familia son os eixos sobre os que xira esta festividade no concello que preside Marta Valcárcel.

O Enterro da Lamprea, que este ano pechará inscricións con máis de 1500 persoas, percorrerá as principais rúas de Salvaterra de Miño o 17 de febreiro a partir das 17:00 horas con saída dende a Rúa Rosalía de Castro e transcurso polas principais rúas da vila ata chegar á Praza do Concello. Será un día onde o espectáculo de son, luces, vestimentas e risas, sobre todo moitas risas, estarán asegurados.

No desfile non faltará a comitiva da defunta lamprea coas súas incondicionais “choronas” que porán a cor fúnebre da tarde. O Concello de Salvaterra lembra que todas as veciñas e veciños poderán acompañar a comitiva da defunta antes da súa queima na Praza do Concello, onde escoitaremos a lectura do testamento da Lamprea e haberá un chocolate quente para todos e todas.

A programación de Entroido complétase co desfile de disfraces dos centros educativos de Salvaterra de Miño dende o Concello ó Parque A Canuda o venres 9 de febreiro, iso sen faltar a tradicional Festa Infantil de Entroido o martes 13 de febreiro ás 17:30 horas con música, diversión e chocolate e rosca.