A Xunta está a ultimar as obras de mellora de firme das estradas PO-399, entre Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, e PO-552 en Oia, que suporán un investimento de preto de 223.000 euros.
No caso da estrada PO-399, os traballos están practicamente rematados, restando só reperfilar a cuneta e instalar a sinalización horizontal.
En relación ás obras na PO-552 en Oia, xa se estendeu o firme e só faltan os traballos de drenaxe, cunetas e disposición de sinalización, polo que se prevén finalizar nas vindeiras semanas.

As intervencións nas dúas vías consisten na rehabilitación da capa de rodadura naqueles puntos nos que o firme presente deterioros.
Os traballos inclúen o fresado da capa de formigón existente para posteriormente proceder á rega de adherencia con emulsión termoadherente e ao estendido da capa de rodadura formada por 5 cm de formigón bituminoso.
As actuacións tamén abranguen a construción de cunetas revestidas, a instalación de drens para recoller a auga que poida acumularse baixo o firme e a disposición de sinalización.
Estes proxectos teñen como obxectivo garantir a conservación das estradas autonómicas, reforzar a seguridade viaria e proporcionarlles aos cidadáns unhas vías eficientes e cómodas.
A Xunta continúa intensificando a aposta pola conservación e a mellora da rede viaria, materia á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, para desenvolver medidas como o Plan de reforzos de firme, entre outras.