Domingo, 4 Maio de 2025

Ponteareas suspende todas as actividades educativas, culturais e deportivas, o mercado do sábado e cursos de formación

Nunha reunión mantida coa representación do cadro de persoal o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, comunicou que “o primeiro é a saúde do persoal municipal e da cidadanía, polo que o desenvolvemento do traballo no Concello supeditarase ás precaucacións necesarias para evitar contaxios”.

Entre as medidas que se adoptarán, ata novo aviso e en todo caso seguindo o prazo de 15 días indicado pola Xunta de Galicia, está a de primar a atención telefónica, reorganizar as axendas de citas para espacialas e evitar acumulacións nas salas e pasillos, suspender actos deportivos e culturais e priorizar as urxencias, ademais de seguir as indicacións da Xunta de Galicia e das autoridades sanitarias e científicas.

No encontro tamén estiveron presentes a concelleira de Saúde e primeira tenente de alcalde Cristina Fernández, a segunda tenenta de alcalde Chus Garrote e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

A concelleira de Saúde, Cristina Fernández, solicita aos traballadores “actuar con responsabilidade e atendendo as recomendacións hixiénico e sanitarias”. Nas sedes municipais intalaranse dispensadores con produtos de hixiene específicos e o servizo de limpeza empregará tamén produtos de desinfeccións indicados para estes casos.

O Goberno adianta que a partires do luns estará pechado o conservatorio, a escola infantil, a ludoteca, a biblioteca e museo municipal e os colexios así como as actividades vinculadas a ditos servizos (aula matinal, extraescolares…).

Ademais o Concello, seguindo o protocolo da Xunta, pechará o complexo deportivo Álvaro Pino, xestionado por INSDEGA, que suspende a súa actividade até novo aviso (os dous pavillóns, a piscina, o ximnasio e as pistas de padel).

Doutra banda quedan suspendidas as celebracións do mercado dos sábados e feira dos días 14. O Castelo do Sobroso, que depende na súa xestión da Deputación, tamén estará pechado.

Alcalde e concelleiras adiantaron que se valorará tamén “solicitar a ampliación de prazos dos distintos procesos abertos” como por exemplo o prazo de revisión das pensións, selección de persoal e todo tipo de formacións que non sexan on line.

O goberno de Ponteareas ten creado un comité de seguemento que estudará a diario o progreso do contaxio polo virus Covid-19 para adoptar as medidas oportunas axeitadas dependendo da evolución do coronavirus no concello.

O concello iniciou xa os procedementos para que determinados departamentos e traballadores/as poidan teletraballar e seguirá as indicacións da Xunta de Galicia.