Mércores, 12 Febreiro de 2025

Ponteareas reafirma o seu compromiso cunha sociedade inclusiva e igualitaria

A concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, está a colaborar con ‘Familias Azuis’ no desenvolvemento do programa TEApuntas, iniciativa que durante tres xornadas permitirá que as persoas con autismo desfruten dunha actividade que favorece e mellora as habilidades sociais de forma espontánea.

O pasado xoves día 4 os e as participantes déronse cita no centro social da rúa Oriente para crear con pezas do Lego un universo colectivo e individual. Este xoves día 11 e o vindeiro xoves día 18 volverán xuntarse nesta actividade de construción con legos, unha actividade que permite mellorar a comprensión de instrucións, a motricidade fina, o xogo simbólico e fomenta o pensamento lateral. Todos estes aspectos, favorecen a súa inclusión na sociedade.

A Concellería de Benestar Social e Igualdade anima ás familias que teñan persoas con TEA “amantes dos legos e con idade comprendida entre os 6 e 15 anos, a que contacten con Familias Azuis e poidan gozar dunha xornada de lecer”. O número de teléfono de contacto é o 671 496 458 e o enderezo electrónico [email protected]