O Goberno municipal do BNG-PSOE de Ponteareas anuncioua adxudicación das obrasde rehabilitación enerxética da escola infantil municipal, traballos que contarán cun investimento de 104.342,01 € e que dan contiuidade aos esforzos do Concello ponteareán “de conseguir melloras na calidade de vida da cidadanía”.
A adxudicación das obras, que teñen un prazo máximo de execución de catro meses, realizouse a través dun proceso público concursal, que garantíu a igualdade de oportunidades.
As obras de rehabilitación enerxética da escola infantil están enmarcadas na estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) que custean o 80 %, 83.473,61 €, financiándose o 20 % restante con fondos propios do Concello, 20.868,40 €.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, a nacionalista Verónica Carrera, explica que se realizará “unha mellora substancial do illamento térmico das fachadas do edificio” así como do seu consumo enerxético “facendo desta infraestrutura municipal un lugar máis agradable e confortable para acoller aos nenos e nenas”.
Verónica Carrera adianta que as obras comezarán de inmediato e estarán rematadas no mes de setembro, mes no que previsiblemente retome a actividade a escola infantil.
“A licitación xa esixía que as obras impactaran o mínimo posible na actividade diaria da escola infantil e que garantiran a máxima seguridade prevendo xa dende o principio que se executaran na tempada estival” explica Verónica Carrera. Agora con esta situación provocada polo COVID-19 “aproveitamos que a escola está pechada para facer o maior número de melloras posibles e seguir traballando para o benestar dos nosos pequenos e pequenas”, conclúe a concelleira.