Xoves, 15 Maio de 2025

Mondariz e Nigrán impulsan o deporte e a cultura grazas á Deputación

Esta terceira semana de agosto están programados concertos, actividades teatrais, rutas e andainas organizadas polo ente provincial

A Deputación de Pontevedra non cesa a súa aposta polas industrias creativas e o deporte. Co obxectivo de facer chegar a súa programación cultural e deportiva a todos os recunchos da provincia e democratizar así as actividades lúdicas, o ente provincial ten programadas ata 10 actividades en 8 concellos do territorio para esta terceira fin de semana de agosto. Nesta ocasión, os concellos de Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Ponte Caldelas, Soutomaior, Cambados, Lalín, Vigo e Mondariz acollerán eventos dos programas ‘Musigal’, ‘Música no Ar’, ‘Tras as Ameas’, ‘Bosques Terapéuticos’ e ‘Depoandainas’.

Hoxe xoves, no terreo musical, o programa ‘Musigal’ ofrece unha interesante oferta co concerto de Baiuca en Vilagarcía de Arousa; que continuará cos de Budiño en Nigrán o sábado e Milladoiro en Ponte Caldelas o domingo. Tamén o domingo, terá lugar a actuación de Esperanza Mara & Estefanía Cereijo en Cambados, no marco do programa ‘Musica no Ar’.

Pola súa banda, “Tras as Ameas” cubrirá de arte e creatividade esta tarde, ás 18.00 horas, os xardíns do Castelo de Soutomaior co espectáculo “Os peixes máxicos da Marquesa Roxa”. Esta peza a cargo da artista viguesa Pilar Alonso, para a que xa se esgotaron as entradas, trátase dun obradoiro creativo e unha acción artística dirixida a nenos/as de entre 6 e 12 anos. No eido do deporte, a Deputación oferta un total de 4 actividades. “Bosques Terapéuticos” achega 4 novas experiencias. A primeira terá lugar este venres en Pontevedra coa Senda do Río Almofrei, un sendeiro de 2,3 quilómetros no que se visitarán a súa ponte, pozas e diversas infraestruturas etnográficas doutras épocas. A segunda, o sábado, será na Fraga de Catasós, nos arredores de Lalín, cunha ruta que esconde carballos e castiñeiros centenarios protexidos baixo a figura de monumento natural. O terceiro Bosque Terapéutico desenvolverase o domingo en Vigo, nunha ruta dun quilómetro integrada no Parque Botánico Arco da Vella, denominado así por estar presentes as súas sete cores nos identificadores de cada tema relacionado coa natureza e o patrimonio. Finalmente, tamén o domingo, desenvolverase a última das “Depoandainas” de agosto, que cunha lonxitude de 14 quilómetros, percorrerá os camiños e praias fluviais do río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz.