Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas abre a preinscrición para o Campus-Tea urbano

A concellería de Educación subvenciona, un ano máis, este campamento de conciliación familiar e laboral

A Concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, informa que ata o vindeiro 18 de xuño estará aberta a preinscrición para o Campus-Tea urbano. Un ano máis, o campamento facilitará ás familias a conciliación familiar e laboral abrindo as súas portas para os e as cativas de educación infantil e primaria en horario de 9 a 14 horas, existindo tamén a posibilidade de solicitar aula matinal en horario de 07:30 a 09:00 horas.

O Campus-Tea urbano, subvencionado pola concellería de Educación, ofértase en quendas de quince días que van dende o 1 de xullo ao 31 de agosto e desenvolverase nas instalacións do colexio Nosa Señora dos Remedios e do colexio Fermín Bouza Brey se fose preciso para garantir as medidas e normativas de seguridade sanitaria.

As bases e o impreso (Anexo I), de Preinscrición do Campus-Tea poderán obterse de luns a venres en horario de 9 a 14 h. na Oficina de Ensino, no andar baixo ou no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou ben directamente na Sede Electrónica do Concello de Ponteareas.

Tamén se poden consultar premendo directamente na ligazón da pestaña Ensino, Campus Tea da páxina web https://ponteareas.gal/servizos/ensino/campus-tea/

Cristina Fernández explica que se seguirán todas as normas e protocolos sanitarios establecidos polo Estado.

As quendas do campamento serán as seguintes:

Xullo

1ª Quenda, do 1 ao 15 de xullo

2ª Quenda, do 16 ao 31 de xullo

Agosto

1ª Quenda: do 1 ao 15 de agosto

2ª Quenda: do 16 ao 31 de agosto