Xoves, 27 Marzo de 2025

O PSOE de Ponteareas valora positivamente os pasos do Goberno central para converter en realidade as obras de mellora da N-120

O secretario xeral do PSdeG de Ponteareas, Delfín Domínguez, e os concelleiros Vanesa Fernández e Rubén Pérez mantiveron unha xuntanza coa directiva da plataforma da N120 para coñecer e compartir de primeira man as alegacións que se presentarán a través dos departamentos técnicos do Concello –tal é como se fixo co goberno municipal anterior–, para mellorar e corrixir algunhas cuestións menores, así como a posibilidade de modificar lixeiramente a localización da rotonda de San Blas para poder salvar a única casa habitada que este proxecto ten afectada.


Os socialistas ponteareáns consideran que “son cuestións menores e de sentido común” que deberían ser aceptadas polos técnicos que están redactando o proxecto, un proxecto de mellora da seguridade viaria na N120 “que sigue dando pasos firmes para que poida converterse nunha realidade mais pronto que tarde, demostrando coas publicacións no BOE das distintas fases o compromiso do goberno central con Ponteareas”. 


O PSdeG de Ponteareas, asegura “entender e compartir as lexítimas demandas das veciñas e veciños para axilizar os tempos” e reafírmanse no seu compromiso de seguir traballando xunto ao subdelegado do Goberno de Pontevedra “para evitar demoras innecesarias co obxectivo de que a reforma da N-120 ó seu paso por Ponteareas sexa mais pronto que tarde, una estrada coa máxima seguridade vial”. 


Dada a gran densidade de tráfico que sofre esta estrada, “os socialistas defendemos activamente a necesidade desta reforma, importante para os veciños das parroquias implicadas pero tamén para o conxunto da cidadanía de Ponteareas que utilizamos habitualmente este vial”, conclúen.