Domingo, 10 Novembro de 2024

O PP alerta sobre a proposta do Goberno local de Ponteareas de endebedar ao Concello en máis de 4 millóns de euros

O PP de Ponteareas vén de expresar públicamente o seu rexeitamento á postura adoptada polo Goberno local de “torpedear” o traballo dos grupos da oposición. As manifestacións da portavoz popular, Belén Villar, foron realizadas logo de que o seu grupo recibira o venres pasado o documento dos Orzamentos 2020 e foran convocados ás comisións informativas esta semana. “Nin sequera tres días hábiles para revisar un documento de gran extensión e dos máis importantes do Concello”, sinalou a portavoz popular.

A principal queixa do PP fai referencia “a falta de informes tan necesarios e importantes como o do Secretario Municipal ou o do responsable de Persoal, o que ao seu entender, pon en entredito “a legalidade do documento”.

Lamenta Belén Villar que no documento achegado polo Goberno “non se recollan as propostas que os populares levamos a pleno” e aseguran non compartir as súas prioridades “e moito menos a forma na que se vai a empregar o diñeiro público”.

Rematan augurando un 2020 “nefasto” habida conta que, segundo o Partido Popular, o Concello “vai adquirir préstamos que supoñerán endebedarse en catro millóns de euros” polo que, “de non mudar a situación” anuncian o seu voto en contra. “É unha vergoña –remata Villar– que logo do traballo que costou a veciñanza e traballadores municipal sanear as contas agora vean de novo hipotecado o futuro do municipio”.