O presidente do PP Provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López, contrapuxo, nun encontro en Ponteareas cos representantes populares das bisbarras do Condado e A Paradanta, a “forte aposta” do Partido Popular polos Servizos Sociais desde a Xunta de Galicia, cunha achega anual de 9,5 millóns de euros para estas atencións nestes nove concellos do sur da provincia, fronte á “pobreza social” na atención a maiores, dependentes e familias dos modelos que implantan PSOE e BNG nas administracións.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra centrou no contido social a súa reunión de traballo, na que tamén se abordaron cuestións vencelladas á campaña electoral, coa candidata ponteareana, Raquel Plana, os responsables locais, a anfitrioa Nava Castro, Horacio Gil, Pablo Castillo, Julio César García-Luengo, José Manuel Alfonso, Marta Valcárcea, Miguel Domínguez, Marisa Domínguez e Pablo Barcia, e os 56 concelleiros populares da bisbarra.
“Os cidadáns teñen que saber que o 18 de febreiro teñen que elixir entre dous modelos de atención social, o que desprega o PP consolidando e ampliando servizos e orzamentos, e o dunha maior precariedade e pobreza social de PSOE e BNG, que vemos perfectamente nestas comarcas, xa que as taxas máis baixas de cobertura do SAF e o maior abandono de quen máis o necesita prodúcese na Cañiza (24% e 62 persoas en lista de agarda), Mondariz (36%) ou Mondariz-Balneario (40%), mentres en Ponteareas e As Neves estase a remontar a malísima herdanza social deixada polo Bloque”, explicou Luis López, que alertou de que esta diminución no eido social pódese estender a toda Galicia se nacionalistas e socialistas están no Goberno galego “polo habitual desleixo e abandono que amosan con estes colectivos”.
O presidente provincial do PP, que anunciou que os populares seguirán incrementando estes investimentos sociais nos nove concellos do Condado e A Paradanta se Alfonso Rueda revalida a presidencia da Xunta de Galicia presentou un cadro informativo coas distintas partidas das liñas desta materia das que se benefician os municipios desta bisbarra.
Liña Social | Ponteareas | Salvaterra | As Neves | Mondariz |
SAF | 784.656 € | 495.648 € | 244.368 € | 208.368 € |
Bonos | 1.355.000 € | 612.000 € | 297.400 € | 362.200 € |
Gratuidade garderías | 1.033.035 € | 412.860 € | 100.968 € | – |
Atención Temperá | – | Udiaf Arbo | 167.323 € | Udiaf Cañiza |
Inclusión Social | 500.612 € | – | – | – |
Plan Concertado | 122.770 € | 34.580 € | 16.815 € | 33.630 € |
TOTAL | 3.796.073 € | 1.555.088 € | 826.874 € | 604.198 € |
Liña Social | Arbo | Covelo | Crecente | A Cañiza | Balneario |
SAF | 231.840 € | 200.880 € | 157.680 € | 216.864 € | 48.816 € |
Bonos | 177.400 € | 479.400 € | 121.600 € | 169.200 € | 15.00 € |
Garderías | 15.803 € | 151.046 € | 100.698 € | 36.654 € | 46.760 € |
At. Temperá | 253.795 € | Cañiza | Arbo | 253.795 € | Cañiza |
Plan Concertado | 30.223 € | 16.815 € | 16.815 € | 18.399 € | 8.408 € |
TOTAL | 709.061 € | 848.141 € | 396.793 € | 694.771 € | 118.984 € |
Luis López detallou tamén que os novos Bonos Coidado, o de Fogar -cunha achega anual de 5.000 euros para persoas dependentes- e o de complemento de Residencia -cifrado en 1.200 euros-, xa están a beneficiar desde este mes de xaneiro a 857 veciños do Condado e A Paradanta, dos que 290 son de Ponteareas, 149 de Salvaterra, 162 de Covelo, 77 de Mondariz, 61 das Neves, 40 da Cañiza, 38 de Crecente, 37 de Arbo e 3 de Mondariz-Balneario. Ademais, a gratuidade nas escolas infantís permite financiar un total de 447 prazas nestes nove municipios do sur da provincia.
Así, o presidente provincial puxo en valor que as políticas sociais e os fortes investimentos nesta materia impulsados polo PP desde a Xunta “permiten atender do mellor xeito e coa máxima calidade aos máis de 1.600 veciños das comarcas que máis o necesitan, algo que é de xustiza para mellorar a súa calidade de vida”.
E ademais, engadíu que todo este investimento anual complétase cos 40.000 euros anuais para o funcionamento das dúas Casas do Maior de Arbo, os 618.000 da nova escola infantil de Ponteareas e os 184.000 para melloras de accesibilidade e transporte en Ponteareas, Covelo e Crecente.
“O 18 de febreiro temos que elixir entre dous modelos claros, porque o que é medible non é opinable, un de apoio decidido aos maiores, dependentes, cativos familias e persoas en risco de exclusión sostido polo PP grazas ás políticas lideradas por Alfonso Rueda e un de abandono e pobreza social protagonizado por PSOE e BNG”, concluíu López, no seu encontro cos representantes públicos do Condado e A Paradanta.