Sábado, 3 Maio de 2025

Escolares de Ponteareas plantarán máis de 500 árbores autóctonas en distintos puntos do concello

Comunidade educativa, tecido empresarial e comunidades de montes contribúen a esta iniciativa da Concellería de Medio Ambiente

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, e a concellería de Educación, que dirixe Cristina Fernández, implican aos centros educativos de primaria na plantación de árbores autóctonas co obxectivo de “concienciar sobre a importancia do medio natural para o benestar das persoas e achegar aos máis pequenos e pequenas coñecementos sobre as nosas especies arbóreas”.

A concelleira Rosa Covelo explica que se trata “dunha plantación planificada” atendendo ás necesidades, características e hábitat propio de cada espazo, “nestes días plantaremos especies autóctonas axeitadas a cada zona –apunta Covelo– en Guláns e en Santiago de Oliveira carballos e nogueiras e no Regato da Venda recuperarase a vexetación propia da beira do regato con freixos e ameneiros e na zona da explanada, máis preto do complexo deportivo, pradairos e bidueiros que aportarán unha ampla sombra na que descansar”.

Este pasado xoves, o alumnado do CEIP de Santiago de Oliveira plantou na contorna do seu centro un total de 50 árbores, e o vernes era a quenda do CEIP Feliciano Barrera que plantaba outras 50 máis no monte de San Cibrán, en estreita colaboración coa comunidade de montes en man común e coa empresa Laureano Covelo que doou estas cen árbores.

O este vindeiro luns será o quenda do CEIP Mestre Ramiro Sabell que comezará a plantar na zona do Regato da Venda, onde tamén o farán o martes, o alumando do colexio Fermín Bouza Brey nun segundo treito.

Os CPRs Santiago Apóstol e La Inmaculada completarán o traballo de plantación no Regato de Venda acadando todos xuntos a cifra de 359 árbores plantadas nesta zona doadas polas empresas ponteareás Aluarmo e Darlim.

En total e coa árbores aportadas polo Concello, esta iniciativa fai posible a plantación de 500 árbores autóctonas que farán máis grandes os pulmóns da nosa vila para que todos e todas poidamos gozar dunha vida máis saudable e agradable. Unha iniciativa na que participaron máis de 500 alumnos e alumnas.

Rosa Covelo e Cristina Fernández salientan “a colaboración das comunidades de montes en man común e da comunidade educativa” amais de agradecer “o apoio e colaboración das empresas locais Aluarmo, Darlim e Laureano Covelo que, xunto á Comunidade de Montes de San Cibrán, doaron as árbores plantadas pechando este amplo círculo participativo que implica diferentes idades e sectores da poboación e contribúe na amplificación do respecto e posta en valor do patrimonio natural”.