Sábado, 18 Xaneiro de 2025

ACUAES licita o contrato para a redacción do anteproxecto de mellora da EDAR de Ponteareas

Xosé Represas valorou moi positivamente o anuncio da sociedade mercantil estatal dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e confía en que a Xunta "dea os pasos que lle corresponden para confirmar a participación no convenio"

A sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de licitar por 112.015 euros os servizos de asistencia técnica para a elaboración do estudo de alternativas, dos estudos ambientais e a redacción do anteproxecto de mellora da estación depuradora da Moscadeira e do proxecto de mellora dos interceptores xerais de Ponteareas.

O obxectivo da actuación, declarada de interese xeral do Estado, é ampliar e reformar a depuradora, así como a mellora e optimización do sistema de colectores reducindo as infiltracións e propiciando a captación e separación das augas non contaminadas, procedentes de escorrentías superficiais e fontes.

A nova depuradora, deseñada para unha poboación equivalente de 20.000 habitantes, permitirá ampliar e mellorar, de xeito significativo, a depuración das augas residuais do concello de Ponteareas, conseguindo así que os efluíntes teñan a calidade esixida pola Unión Europea.

O proxecto de colectores inclúe a remodelación de conducións existentes e a execución duns 2.500 metros de novos colectores con diámetros comprendidos entre 500 e 1.500 mm, que recollen os vertidos do conello e os impulsa á EDAR.

Coa execución das obras porase fin a un problema que padece o Concello e que ten a súa orixe na existencia dunha rede de colectores e unha EDAR cuia capacidade é insuficiente para tratar os caudais que lle chegan e que non alcanza os parámetros de calidade esixibles para cumprir as condicións de vertido ao medio receptor, neste caso o río Tea.

A actuación será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).

“Un paso imprescindible”

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, valorou positivamente os novos avances comunicados no día de hoxe por ACUAES ao facer público a licitación do contrato que ten como obxectivo elaborar o documento ambiental para lograr a autorización ambiental procedente e, ao mesmo tempo, concluir a redacción de dous proxectos; por un lado os novos colectores de saneamento e, por outro lado, o da EDAR ampliada.

Xosé Represas explica que deste xeito “executaranse ao mesmo tempo e con licitación independentes as obras dos novos colectores na contorna do núcleo urbano e a ampliación da depuradora da Moscadeira”.

“Un paso máis imprescindible para solucionar a incapacidade da depuradora existente e para seguir ampliando a rede de saneamento a outras parroquias que carecen deste servizo básico”, recalcou o alcalde ponteareán.

Para o rexedor local, este novo avance “indica que se están cumprindo os prazos para que estas obras tan complexas estean rematadas no ano 2023”.

“Agora confiamos en que a Xunta dea tamén os pasos que lle corresponden para confirmar a participación no convenio e financiación das obras entre Estado, Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas”, apuntou Represas.

A actuación será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).