A tenenta de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández, presentou unha nova edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas que, no curto espazo de dous anos –tres con este– consolídase como unha cita imprescindible para o alumnado, non só de Ponteareas, senón de toda a comarca. Esta nova edición da Feira das Ensinanzas abrirá as súas portas o vindeiro martes, 4 de febreiro ás 10:30 horas, no pavillón do Complexo Deportivo ‘Álvaro Pino’.
Tras o éxito da anterior edición a Feira medra e ofrecerá un total de 29 postos de centros formativos que achegarán aos visitantes información sobre as modalidades que imparten e demostracións prácticas do traballo que realizan dentro do seu curriculum educativo.
Cristina Fernández lembra que esta feira “naceu co obxectivo de amosar a toda a comunidade educativa a oferta de ensinanzas profesionais para que o alumnado poida coñecer de primeira man as materias que se imparten e o perfil profesional para o que se poden preparar”. Unha vez máis o alumnado do CIFP A Granxa e voluntariado realizará visitas guiadas acompañando aos centros visitantes participantes.

“Non sempre é doado decidir como vas encamiñar a túa traxectoria de formación e por iso é imprescindible ofrecer a maior información posible e que vexan por si mesmos exemplos prácticos do froito deses estudos que poden cursar”, explica a concelleira de Ensino que tamén engade que é indispensable “que o alumnado poida conversar cos estudantes e profesorado destas ensinanzas, da súa experiencia e da súa satisfacción”.
Este ano a Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas abrirá o martes día 4 e o mércores día 5 e por ela pasarán máis dun milleiro alumnas e alumnos para poder tomar unha decisión o máis axeitada posible en relación aos seus estudos.
Por vez primeira o público en xeral tamén poderá visitar de balde os 29 stands o martes de 16 h a 18:30 horas e participar nas demostracións en directo como a do módulo de panadería, a de caracterización de personaxes, a dos músicos dos conservatorios, as medioambientais ou da tirolina ou a de robótica.
A III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas terá, evidentemente, novidades como o stand da rama sociosanitaria e tamén o de Parasanitaria, o de xestión ambiental, stands de ensinanzas de electrónica, arte dramática, idiomas, soldadura, xoiería, moda, restauración, deportes, auxiliar de voo, ilustración, canteiría ou imaxe e son, entre outras moitas modalidades que os centros de ensinanzas profesionais ofertan.