8.7 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorGondomarO ciclo de teatro da Deputación chega a Gondomar, Mondariz e Tomiño

    O ciclo de teatro da Deputación chega a Gondomar, Mondariz e Tomiño

    O ciclo de teatro “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra chega este sábado a Tomiño, Gondomar e Mondariz con tres funcións con entrada libre ata completar aforo. Ibuprofeno Teatro porá en escena “Smoke on the water” no Auditorio de Goián (Tomiño) ás 18:30 horas, Ártika Cía fará o mesmo con “A Illa da deslembranza” no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar ás 19:00 horas e A Panadería con “As que limpan” no Auditorio Municipal de Mondariz ás 21:30 horas.

    “Smoke on the water”, a peza que interpretará Ibuprofeno Teatro no Auditorio Municipal de Goián, en Tomiño, ás 18:30 horas, conta a historia de Ritchie (Blackmore), un home que vive ancorado a música dos anos 70 e en unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa fai anos que non canta e estuda filosofía na universidade. O seu matrimonio sobrevive despois de case 25 anos de crise permanente nunha relación de dependencia que se ve ameazada pola aparición de Alex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora. É un enredo amoroso-financeiro co rock como telón de fondo entre un grupo de seres humanos maltratados pola vida que está pensado para un público mozo e adulto.

    Pola súa banda “A Illa da deslembranza”, que se poderá ver no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar ás 19:00 horas, trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil e familiar. Conta a historia de Uxía, que quere axudar á súa avoa a recuperar os recordos perdidos e todas as historias vividas, e aborda a enfermidade de Alzheimer co obxectivo de axudar a comprender situacións que poden darse nun ambiente familiar.

    E “As que limpan”, que representará A Panadería o sábado ás 21:30 horas no Auditorio Municipal de Mondariz, trátase dun espectáculo dirixido a un público mozo e adulto. Está inspirado na loita organizada polas camareiras de piso dos hoteis para conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia dos propietarios das cadeas hoteleiras. A obra, estreada por vez primeira en febreiro de 2022, recibiu numerosos galardóns como os María Casares ao mellor espectáculo, ao mellor texto orixinal, á mellor actriz protagonista (Noelia Castro) e á mellorar dirección, ou o Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, entre outros.

    Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.