O Concello de Mondariz vén de facer efectivo o cambio de modelo nas subvencións municipais para actividades socioculturais organizadas por colectivos sociais do ámbito veciñal, coa recente publicación dunhas bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás asociacións do ámbito veciñal para actividades socioculturais realizadas durante o ano 2021.
“Durante anos prevaleceu a asignación municipal de subvencións nominativas, pero este modelo era incompatible coa lei de subvencións de Galicia, na que se establece a concorrencia competitiva como procedemento ordinario. Este cambio de modelo non só aporta legalidade ao proceso, senón que tamén amplía as oportunidades de subvención de actividades socioculturais a todas as asociacións do ámbito veciñal”, sinala o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
O modelo antigo de asignación de subvencións nominativas nos propios orzamentos municipais, que xa xeraba dúbidas a nivel xurídico, quebrou especialmente durante estes últimos anos de pandemia, cando as restricións de mobilidade e reunión levaron a suspender case toda a actividade sociocultural. Houbo asociacións que, conscientes de que non realizaran ninguna actividade que xustificase a subvención á que tiñan dereito, decidiron por propia vontade renunciar á mesma. “Esa situación deixou claro que o modelo de asignación de subvencións nominativas non era xusto e estaba desfasado, por iso buscamos outro modelo que tivera en conta as actividades socioculturais que realmente se organizan e abrira as portas á participación de novos colectivos sociais”, sinala Barros.
Malia que o Goberno municipal convocou ás asociacións do ámbito veciñal a unha reunión informativa para explicar este cambio de modelo, existen críticas sobre determinados aspectos, como o apartado 9, sobre os compromisos e deberes dos beneficiarios, no que se indica que “as entidades subvencionadas quedarán obrigadas a colaborar co Concello naquelas actividades que este organice cando lles sexa requerido e farán constar o patrocinio do Concello de Mondariz na súa publicidade”.
“Somos conscientes de que a redacción deste apartado, dentro das bases reguladoras, pode ser malinterpretado. O que se propón é unha relación de colaboración en Concello e asociacións subvencionadas. Con todo, é un problema de redacción xurídica que pode ser subsanado en próximas convocatoria, non é un problema de contido nin de modelo en si”, responde Barros.
Unha vez publicadas as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), as asociacións do ámbito veciñal de Mondariz teñen até o 15 de novembro para presentar solicitudes de subvención para actividades socioculturais realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2021.