Sábado, 3 Maio de 2025

Novo camión do lixo no Concello das Neves

O Concello das Neves vén de adquirir un novo camión do lixo subministrado pola empresa Ros Roca,  gañadora do proceso de contratación pública, por valor de 113.135 euros.

As características deste camión foron adaptadas para poder chegar a zonas dificultosas en condicións de seguridade e comodidade. O vehículo, de marca Isuzu,  pode alcanzar un peso máximo de 13.400 quilos, ten un ancho de 2,20 metros e 240 cabalos de potencia; cumprindo a normativa Euro VI-C. A caixa compactadora é o modelo Olympus Mini de 8 metros cúbicos fabricada en aceiros de alta resistencia, cun índice de compactación de 6:1. Ademais das últimas normativas de seguridade para os operarios.

O camión vén para mellorar o sistema de recollida da fracción resto podendo reducir unha das 6 rutas de recollida actuais e coa posibilidade de pasar a facer a recollida do contedor amarelo de envases. Esta adquisición tamén vai alongar a vida útil do outro camión ademais de avanzar na redución dos niveis de contaminación.

Substituése así o antigo vehículo Nissan que foi declarado como ben non utilizable e dado de baixa a través dun centro autorizado de tratamento.

A adquisición do vehículo alongouse no tempo ata conseguir o financiamento, que finalmente será cuberto completamente con fondos da Deputación de Pontevedra mediante o Plan Revitaliza e o Plan Concellos, polo que; As Neves non tivo que dispor de fondos propios.

Dende hai uns anos o Concello das Neves ten asinado un convenio gratuíto co Concello de Salceda grazas ao que viña utilizando o seu camión unha ou dúas veces por semana. O espírito de colaboración institucional manterase conveniando de novo a colaboración no uso de maquinaria.