Luns, 9 Decembro de 2024

As campaña da Deputación de control da acacia e impulso de froitos do bosque, chega ás Neves

As campañas que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), para o control da mimosa (acacia dealbata L.) e a promoción do cultivo dos froitos do bosque estiveron esta mañá no concello de As Neves.

As iniciativas para frear a acacia invasora e impulsar o cultivo de froitos de bosque comezaron este mes de agosto coa recente instalación de postos informativos en Vilagarcía de Arousa e na Estrada. Tralo paso por As Neves, os próximos puntos previstos no itinerario son os concellos de Nigrán e Cuntis.

Ao abeiro destes dous programas, móntanse stands itinerantes dotados de paneis explicativos. O persoal dos postos informativos reparte dípticos e información relevante e ofrece unha atención especializada a tódalas persoas interesadas. O programa inclúe, ademais, dúas xornadas técnicas impartidas por profesionais do sector.

A iniciativa, en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación Sectorial Forestal Galega, ten Nigrán e Cuntis como próximos destinos

A Deputación de Pontevedra dedica 37.000 euros ao convenio con FEGAMA para a sensibilización contra a acacia. O obxectivo non é só informar á poboación sobre os efectos das especies exóticas invasoras na biodiversidade, servizos, ecosistemas, infraestruturas e a saúde humana, senón tamén espertar o interese a propietarios forestais particulares e das Comunidades de Montes en Man Común para a prevención e control da expansión desta especie.

A acacia dealbata L., tamén coñecida como mimosa, acacia, ou acacia francesa, é unha ameaza para os ecosistemas, os hábitats e as especies, especialmente na provincia de Pontevedra. A árbore transforma o hábitat con gran rapidez, impedindo a rexeneración da vexetación natural destruída, especialmente despois dos incendios forestais.

No que atinxe ao convenio con ASEFOGA trátase de impulsar o cultivo sustentable dos froitos do bosque en terras abandonadas. Neste caso, a Deputación destina 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos de bosque (moras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.

Este programa está dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á que reside no medio urbano como no medio rural, posto que o aproveitamento agrario do solo é unha estratexia valiosa contra os incendios, mellora a calidade da paisaxe, a riqueza de especies animais e vexetais, ao mesmo tempo que fomenta a creación de emprego no rural.