Sábado, 3 Maio de 2025

Unha quincena de persoas benefícianse do programa «Cultiva a Mente» de Salceda

O Concello de Salceda de Caselas, en colaboración con AFAGA e coa financiación da obra social de Caixabank está a desenvolver unha nova edición do programa ‘Cultiva a mente’, un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional.

As persoas participantes fano dun xeito activo, inmersos/as nun programa formativo que explora as preocupacións e necesidades de cada unha, proporcionando unha resposta que sexa extrapolable ó seu día a día e proporcione hábitos saudables no plano cognitivo e no afectivo.

Os/as asistentes ao programa realizan actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realízanse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles ás persoas maiores a empregar axudas externas para orientarse.

Esta mañá a alcaldesa Loli Castiñeira xunto coa tenente alcaldesa Verónica Tourón; a concelleira de Benestar Social Gela Ledo; o director da oficina de Caixabank en Salceda de Caselas e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, visitaron a actividade para saudar ás persoas participantes e agradecerlles a súa participación no programa.

As persoas asistentes trasladáronlles unha valoración moi positiva da actividade, e aproveitaron para demandar que se realice durante máis tempo, por ser unha actividade considerada de moito proveito para todas elas.

A concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, subliñou a prioridade que supón, para o seu departamento “traballar para que iniciativas coma estas, para as nosas persoas maiores así como outras para a infancia, se poidan levar a cabo ao longo dos vindeiros anos”.

O programa vai dirixido ás persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención deste deterioro e no coñecemento do envellecemento activo. Realízase os xoves no centro Social da Devesa a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), grazas á financiación da entidade Caixabank.

Loli Castiñeira, destacou nas súas palabras “a concienciación” que teñen os nosos maiores “ao demandar un envellecemento saudable acorde co seu estilo de vida, e o Concello de Salceda aporta así o seu granciño para que isto sexa posible”.

A rexedora local comprometeuse a seguir poñendo en marcha accións deste estilo “que sempre teñen unha grande acollida por parte da terceira idade, buscando para elo a colaboración das diferentes entidades que nos permitan seguir a manter este tipo de iniciativas”.