Sábado, 3 Maio de 2025

Un incendio obriga a evacuar a unha muller por mor dunha crise nerviosa

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon a unha muller asustada por un incendio declarado na súa propiedade, no lugar da Revolta, en Salceda de Caselas.

A señora tivo que ser evacuada ao Centro de Saúde do Porriño, mentres que os bombeiros fixeron fronte a un lume que arrasou un pendello e un coche.

A alerta no 112 Galicia preto das oito da tarde de onte permitiu activar un operativo para sufocar un incendio que comezou nun alboio. No interior, gardaban un vehículo e tamén madeira e apeiros de labranza. Todo foi devorado polas chamas sen que ninguén resultase afectado, agás a muller de avanzada idade que sufriu unha crise nerviosa. Por iso, acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ademáis dos Bombeiros do Baixo Miño e Ponteareas para a extinción dun lume con bastantes danos materiais.