Domingo, 16 Febreiro de 2025

Un ‘Estourazo’ de Salceda con sabor a gratitude ao homenaxear o traballo da Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil

Con este xesto, o Goberno local que preside Loli Castiñeira, non só quere agradecerlle a labor realizada durante anos, senón tamén o "inmenso traballo" realizado durante o estado de alarma

“A homenaxe deste ano era obrigada” aseguraba a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira ao anunciar que a Agrupación de Voluntari@s de Protección Civil de Salceda sería o encargado para dar, este ano, o pistoletazo de saída no ‘estourazo’ que marca o inicio das Festas do Cristo que, como todo, estarán marcadas pola pandemia do coronarivus.

Castiñeira non dubidaba en afirmar que “o traballo voluntario deste grupo de persoas resultou fundamental durante a época máis dura do confinamento, e segue a ser imprescindible hoxe en día” polo que este colectivo será o encargado de disparar o xa tradicional ‘estourazo’ –que este ano chega xa a súa décimo primeira edición– o vindeiro sábado, 18 de xullo, ás 22 horas dende o balcón da Casa da Cultura ‘Castelao’.

Con este xesto, o equipo de Goberno recoñece a “laboura desinteresada” da Agrupación ao longo de tantos anos “en eventos e emerxencias de Salceda e arredores”, pero sobre todo “polo inmenso traballo que a agrupación realizou durante o estado de alarma, fundamentalmente no momento do confinamento máis estricto, con innumerables horas de traballo adicadas ao servizo público durante todo o ano, pero especialmente nestes momentos”.

Cómpre salientar que Protección Civil realizou, entre outras, tarefas de apoio ás persoas máis vulnerables ou tarefas de limpeza e desinfección de espazos e mobiliario público. Ademais aproveitaban as súas saídas para dar mensaxes de ánimo á poboación e facer máis amena a estancia nas casas, con multitude de solicitudes da veciñanza para que felicitasen aos nenos e nenas que cumpriron anos durante o confinamento.

Asemade compraban mediciñas para as persoas de risco ou realizaban compra de alimentos e entrega de deberes e material escolar. Estes son, sinala o Goberno local, “tan só algúns dos exemplos das tarefas realizadas polo colectivo nestes últimos meses, aos que hai que engadirlles as accións que seguen realizando durante todo o ano, como retirada de árbores caídas, asistencia en accidentes, apoio en eventos, etc.”.

Loli Castiñeira quería agradecer ese inmenso traballo “nunhas festas especiais e diferentes como as de este ano” e expresaba o seu convencemento que a veciñanza “vaise unir nesta máis que merecida homenaxe”.

O Estourazo, que este ano celebra a súa decimoprimeira edición, serve cada ano para marcar o inicio das festas do Cristo. A cita serve para recoñecer a traxectoria de asociacións e colectivos de Salceda que teñan destacado no ano en curso, e por ela xa levan pasado asociacións e colectivos culturais, deportivos, sociais, sanitarios, etc., e aínda que este sexa un ano especial no que non se celebrarán as tradicionais verbenas na Praza do Concello, si que se manterá parte da actividade cultural das festas, como o mencionado estourazo, que de novo estará acompañado, como ven sendo tradición, pola Agrupación Gaiteira de Salceda.