As comunidades de montes de San Esteban de Budiño e de Parderrubias, ambas de Salceda de Caselas, impulsaron senllos proxectos de restauración ambiental nos seus montes, afectados polos incendios acontecidos en outubro do 2017. A iniciativa das comunidades, nas que participan máis de 160 familias comuneiras, permitiu a recuperación forestal de 27 hectáreas de superficie, que foron plantadas con piñeiros do país e frondosas caducifolias (castiñeiros e carballos).
As superficies restauradas, nas que se instalaron máis de 28.000 árbores, veñen de inscribirse no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, o que permitirá que as dúas comunidades poidan recibir fondos daquelas empresas interesadas en compensar a súa pegada de carbono.

Os fondos que se capten serán destinados, de xeito íntegro, ao mantemento do monte, o que permitirá completar os traballos silvícolas previstos para acadar o obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas.
Ambas comunidades comprometéronse a manter esas masas en pé un mínimo de 45 anos. Durante ese tempo, está previsto que sexan capaces de absorber máis de 9.000 toneladas de CO2 da atmosfera, o que equivale ás emisións anuais de arredor de 3.000 automóbiles.
Restauración ambiental
Os traballos de restauración consistiron na plantación de piñeiro do país e frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo). Estas frondosas ubicáronse nas franxas laterais das pistas, co obxectivo de que sirva de protección contra os incendios forestais.

Toda a zona reforestada conta con certificación FSC e PEFC, o que é unha garante de que a súa xestión desenvólvese cun criterio de sostibilidade. É de destacar que ambos montes reservaron máis de 15 hectáreas destinadas a unha función protectora -non produtiva-, nas que principalmente hai masas de frondosas caducifolias.
Ambos proxectos de restauración contaron co apoio e coordinación da Asociación Forestal de Galicia, e están incluídos dentro dun plan de restauración de superficies degradadas que se está a desenvolver a nivel autonómico. O obxectivo principal deste plan, que se realiza simultaneamente nas catro provincias galegas, é o de captar financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2.
Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, ou ben promover a reforestación daquelas superficies que se atoparon rasas ao longo dos últimos 30 anos.