Xoves, 27 Marzo de 2025

Salceda mantén a súa aposta polas comunidades de augas destinando 30.000 euros en subvencións

O Concello de Salceda de Caselas ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases das subvencións dirixidas ás comunidades de persoas usuarias de augas para o ano 2021, co obxectivo de que melloren as súas instalacións. Para este fin, o Goberno local destinou un orzamento de 30.000 euros.

Rubén González Coto, concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente subliñou a importancia desta liña de subvencións “coas que queremos axudar as nosas traídas a mellorar os seus servicios e a calidade das mesmas”.

O obxecto da convocatoria é subvencionar obras, adquisición de materiais, man de obra ou equipamentos asociados a melloras en diversas áreas de actuación, como a captación de fontes e pozos, o mantemento e conservación dos sistemas de almacenamento e a potabilización, reparacións na rede de distribución ou o mantemento e conservación de instalacións.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas asociacións de persoas usuarias de augas legalmente constituídas, mediante un proceso de concorrencia competitiva. Ditas entidades poderán recibir como máximo o 70 % do orzamento presentado e ata un máximo de 5.000 euros por Comunidade de augas.

A publicación fíxose o 7 de setembro e o prazo de presentación de solicitudes son 15 días dende o día seguinte da publicación. A convocatoria completa pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións, na seguinte ligazón.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, salientou que “por primeira vez, o Concello conta con 30.000 euros no seu orzamento para subvencións a traídas de augas parroquiais. Unha axuda que revertirá nun mellor servizo á veciñanza do noso rural”